Diversos medios de comunicación fanse eco do proxecto de RECONSTRUCIÓN DE EDIFICACIÓN PARA ALOXAMENTO PÚBLICO TEMPORAL levado a cabo en Muimenta e pilotado polo arquitecto PABLO LÓPEZ PROL.
O xurado valora unha intervención que supera a simple reposición do existente para dotar ao inmoble dun carácter propio, respectuoso co orixinal pero plenamente contemporáneo. A actuación mantén a volumetría e escala da edificación tradicional, ao tempo que introduce decisións propositivas na elección de materiais, acabados e organización espacial, que actualizan o conxunto sen desvirtuar a súa identidade. Destácase así mesmo a recuperación dunha edificación arruinada para destinala a aloxamento público temporal, como resposta directa á escaseza de vivenda no municipio e parte esencial do programa das Aldeas Modelo, contribuíndo á fixación de poboación e á revitalización do territorio. O xurado recoñece tamén ao Concello de Carballeda de Avia, cuxa iniciativa resulta determinante para facer posible unha actuación que exemplifica o papel da arquitectura na revitalización social do medio rural.
Fontes:
- Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia: https://portal.coag.es/es/proyecto/premios-gran-de-area-2025/
- Faro de Vigo: https://www.farodevigo.es/ourense/2025/12/17/cuatro-premios-gran-area-2025-124868919.html
- La Región: https://www.laregion.es/provincia/cuatro-grans-area-quedan-ourense_1_20251217-4096847.html
- La Voz de Galicia: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2025/12/16/arquitectura-bonita-ourense-alpendre-pisos-contemporaneos/00031765906614551609432.htm