Os Camiños Naturais de Carballeda de Avia son unha aposta pola natureza como zona ecoturística. Comprenden tres grandes rutas de sendeirismo: Ruta dos muíños, Ruta dos bolos e Ruta dos cabalos. Todas están acondicionadas con pasarelas, escaleiras de pedra ou pasamáns de madeira en zonas de difícil acceso. Tamén están sinalizadas con fitos quilométricos, balizas de seguimento e postes direccionais, ademais de paneis informativos. Á hora de planificar a ruta cómpre escoller a estación adecuada para cada viaxe.
A Ruta dos muíños ten 7,2 kilómetros de percorrido e está dividida en seis etapas: Veronza, Bullón e Trigás, Abelenda das Penas, As Fermosas, Vilar de Condes e Sáa e Vilariño.
Supón unha mostra do patrimonio etnográfico e histórico da comarca do Ribeiro. É a máis antiga das tres incluídas no programa Camiños Naturais e próxima ao núcleo urbano de Carballeda de Avia.
A ruta está formada por un conxunto de 24 muíños restaurados entre 2007 e 2009 con fondos europeos, dous talleres de emprego e fondos propios do Concello.
O itinerario arranca da aldea de Veronza, onde se atopan os cinco primeiros muíños do conxunto. Un deles singularízase fronte ao resto xa que foi un serradoiro utilizado durante anos polos veciños ata a primeira metade do século XX. A boca da canle da auga, en forma de torre, aberta e circular, é diferente á do resto dos muíños e estaba pensada para facer funcionar a maquinaria.
Dous dos muíños da ruta aínda funcionan e, previo aviso ao Concello, aínda se pode asistir a demostracións en vivo do seu artellamento. Á beira do río Maquiáns, e á sombra das árbores, encóntrase unha área recreativa e de descanso.
A Ruta dos muíños transcorre pola zona denominada Sobreira Cabada, un microclima particular onde se poden encontrar numerosos viñedos de gran calidade. Situada na aba dunha montaña, está protexida das xeadas e orientada ao sur. Ao recibir sempre os raios do sol, a uva alcanza unha alta graduación. Outra zona de bo viño dentro do municipio é a de Costeira.
O muíño de Trigás, na segunda etapa, conta con 300 anos de historia, o que o converte no máis antigo da bisbarra. Posúe un elemento específico que permite diferencialo fácilmente: o seu teito de granito, un material moi abundante nestes montes. A utilización deste recurso na construcción deste muíño dá conta da importancia da explotación da pedra nesta zona de Avia.
A parroquia de Abelenda, na terceira etapa, reúne tres muíños restaurados recentemente, dous deles de gran tamaño, xa que contiñan dúas pedras moas para moer o pan.
Neste lugar tamén podemos encontrar dolmens prehistóricos, así como unha boa parte do patrimonio histórico do municipio en dous xacementos da época castreña: o Coto da Cidá e o Coto de Mouros.
Outros puntos de interese nesta etapa son a igrexa románica de Abelenda, pertencente á Orde dos Templarios, un cruceiro do século XVII e un conxunto de hórreos, a eira de ‘canastros’.
Atravesando as aldeas deshabitadas de Sariñás e Xunqueira, chegaremos ás Fermosas, na cuarta etapa. Antes de entrar na aldea, a ambos os dous lados do río Maquiáns encóntranse cinco muíños rehabilitados no 2009 por un taller de emprego municipal.
Nalgúns dos muíños, como aspecto de interese aparece, a carón dunha porta, unha pedra saínte. Servía para apoiar os sacos de fariña acabados de moer e cargalos así con máis comodidade para o seu transporte.
A quinta etapa, da primeira ruta, leva ao viaxeiro a Vilar de Condes, un punto destacado polo seu patrimonio natural e arquitectónico. No seu ámbito natural, pódense ver castiñeiros, carballos e outras especies de vexetación autóctona.
En Vilar de Condes encóntranse dous muíños preto dun núcleo de casas. Dende o segundo deles, pódese contemplar o val de Carballeda de Avia, os bolos graníticos e a igrexa.
Na parroquia atópanse un conxunto de 13 hórreos ou eira de ‘canastros’ propiedade de 22 veciños. Como punto de interese en Vilar de Conde hai unha poza de rego convertida nunha piscina natural.
A última etapa desta Ruta dos muíños é a de Sáa e Vilariño. Esta alberga muíños escondidos baixo árbores autóctonas. Os muíños están perfectamente restaurados e conservan todos os útiles necesarios para moer o gran.
Os muíños de Vilariño están situados nun enclave perfecto para gozar da natureza.
Ruta dos Cabalos
A Ruta dos cabalos avanza polas zonas máis elevadas de Carballeda de Avia, o que ofrece unhas vistas inmellorables ao camiñante.
O itinerario comeza na aldea das Fermosas, punto de unión coa Ruta dos muíños. Despois de tomar forzas na fonte, o viaxeiro comeza a subida cara o curro que se encontra a 1.600 metros.
O curro do Faro das Laceiras foi restaurado no 2006. Cada primeiro domingo de setembro celébrase nel un curro (o único da provincia de Ourense) e unha gran festa de honra ao cabalo organizada pola Comunidade de Propietarios das Luceiras coa colaboración do Concello. No Faro das Laceiras únense os municipios de Melón, Avión, Carballeda de Avia e Covelo.
Ruta dos bolos
O punto de interese desta senda é o bolo de Pena Corneira, un corno espectacular de dez metros de altura vertical que da nome a esa formación granítica. Trátase do monumento natural (declarado en 2006) con maior extensión de Galicia. Conta cunha superficie aproximada de 998 hectáreas.
Pena Corneira é, xunto ao Faro das Luceiras, un dos referentes visuais desde case calquera punto do val do Avia. A erosión descubriu estes penedos e moldeounos, salpicando os suaves outeiros de innumerables bolos de granito, de formas redondeadas e de gran tamaño. Ao longo da serra encóntranse moitas rochas de curioso aspecto ou combinación. Os veciños puxeron nome propio a varios dos bolos.
A ruta comeza na base de Pena Corneira e remata na parroquia de Abelenda das Penas. O viaxeiro pode atravesar polo chamado ‘Menhir do Ribeiro’, un estreito camiño cuberto por unha bóveda vexetal de carballos. Só collen un par de persoas.
A senda transcorre por algunha zona donde as casas están pegadas aos bolos. Hai unha paisaxe de media montaña e atópase a área recreativa de Faramontaos.
Fonte: Diario de Santiago: https://www.diariodesantiago.es/galicia/carballeda-de-avia-ofrece-rutas-naturais-con-muinos-horreos-e-igrexas-romanicas/