O pasado mércores día 11 sobre as 17:00 horas, chegaban varias chamadas de veciños alertando da caída dun poste de tendido eléctrico na parroquia de Faramontaos. O alcalde movilizou ao persoal de servizos do Concello e a Protección Civil para acudir ao lugar a facer unha primeira valoración.
Chegados ao punto, comunicaron que o terreo no que se sustenta o poste e o firme da OU-0306 no kilómetro 9,3 en Faramontaos, estaba colapsando e esmorecéndose por un desnivel de uns 30 metros, e que a estrada estaba a piques de derrubarse por completo.
Debido á gravidade da situación colocaron os vehículos obstaculizando a circulación para detela completamente, Protección Civil contactou co 112 Galicia para solicitar que se informara a Garda Civil de Tráfico e á Deputación Provincial de Ourense que por motivo de urxencia e seguridade quedaba cortada totalmente a circulación, aos poucos minutos a estrada colapsou completamente aos pés do persoal de emerxencias e servizos.
O alcalde comprobou a zona co Xefe de Conservación e Explotación do Servizo de Vías e Obras da Deputación de Ourense e co persoal técnico, para facer unha valoración inicial dos danos e organizar os traballos de reconstrucción neste punto, tamén se valoraron outras reparacións de taludes e bolsas de auga provocadas polas sucesivas borrascas. A reparación é complexa e aínda non se poden establecer plazos de finalización das tarefas, pero dende primeiro momento se está traballando para solucionalo.
Por outra banda, tamén se están facendo valoración dos danos nas estradas locais do concello e estanse realizando traballos urxentes, a mala climatoloxía dificulta reparacións completas. Estanse organizando traballos de reparacións en estradas, pistas forestais e danos en infraestruturas públicas.





