O alcalde do Concello de Carballeda de Avia e o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil asinan un convenio polo cal se investirán 525.000€ en obras de mellora da rede de saneamento en varias parroquias.
Nos últimos anos o Concello está facendo unha potente inversión en melloras e actualizacións na rede de saneamento, con obras de gran importancia como a planta depuradora de augas residuais de Vilar de Condes, os pozos colectores de Veronza, melloras de eficiencia enerxética na depuradora de Carballeda, e tamén no seu día a canalización Abelenda-Carballeda e Muimenta-Carballeda. Estas actuacións fan posible que na actualidade sexan sometidas a tratamento preto do 95% das augas residuais do concello, todo elo sen subir os impostos, aumentando a calidade do servicio e o compromiso co medio ambiente.
O alcalde, Luis Milia, explica que as actuacións deste proxecto principalmente serán a renovación das canalizacións en Abelenda, a reforma e mellora dos pozos colectores en Veronza, instalación de canalizacións novas no núcleo de Vilar de Condes (con renovación da rede de suministro e regadíos, e pavimentación) e tamén a eliminación de tuberías antigas, entre outras actuacións.