MENÚ

O cultivo do viñedo

Nos límites coa provincia de Pontevedra, a bisbarra ourensana do Ribeiro está ligada historicamente á produción do viño grazas ás excelentes condicións climáticas da zona, que favorecen a súa crianza. A configuración xeográfica resgarda as hectáreas de cultivo de temperaturas e ventos extremos, evitando así a deterioración das uvas.
Dende a antigüidade, os viñedos foron a principal fonte de riqueza da bisbarra, estendéndose por distintos municipios, como Arnoia, Castrelo do Miño, Leiro ou Cenlle, encabezados pola capital, Ribadavia, e caracterizando desta forma a súa paisaxe.
Xa no século II a. C. o historiador grego Estrabón falaba do cultivo da vide no Ribeiro, pero foi na Idade Media cando a produción do viño iniciou o seu despegue. Aínda que dende o século IX monarcas e señores posuían adegas e viñedos, foi a partir do século XII cando o cultivo da vide comezou a constituír a base da economía na bisbarra. Os mosteiros xogaron un papel decisivo neste proceso a través das súas posesións vitivinícolas, especialmente a orde do Císter, cuxos monxes se ocupou con mimo do cultivo da uva e do estudo das súas variedades autóctonas.
O cultivo do viñedo alcanzou o seu cénit durante os séculos XV e XVI coa súa expansión por España e Europa, sobre todo polas exportacións a Flandes, a Bretaña francesa e especialmente a Inglaterra. Nesta primeira etapa de esplendor, os caldos do Ribeiro foron utilizados para o troco no comercio do pano e do ouro, sendo fundamental para o seu transporte a navegabilidade do río Miño.
No século XVIII iniciouse a decadencia comercial do Ribeiro debido ás desavinzas políticas con Europa. Esta cuestión, unida ás dificultades no transporte, encareceu cada vez máis o produto, entrando en competencia con viños máis económicos de Castela e La Rioja, e provocando a perda dos mercados do norte de España. No século XIX, pragas como o oidium e a filoxera fixeron perder protagonismo ao viñedo, alentando a emigración dos habitantes da bisbarra.
Actualmente, o cultivo do viñedo rexurdiu con forza, apostando polas variedades autóctonas que antano lle deron o seu renome mundial, entre as cales a variedade de uva branca treixadura é a estrela.